4) Medidas fronte ao teito do petróleo: Alimentación
(Páxina aínda en desenvolvemento)
Nestas páxinas iremos recopilando as medidas que nas diversas áreas da sociedade e da economía propoñen diversos autores e organizacións, para nos prepararmos fronte ás consecuencias do teito ou cénit do petróleo. Malia térmolas separado por áreas para unha máis doada consultar e organización, advertimos de que deberían ser parte dunha estratexia transversal, xa que o problema atinxirá practicamente a todos os aspectos da nosa vida.
Medidas relativas á alimentación
En xeral son medidas conducentes a asegurar a suficiencia alimentar das poboacións. Hoxe en día en moitas das nosas sociedades o máis común é que os alimentos nos cheguen desde centos ou milleiros de kilómetros. Non hai máis que darse unha volta polas froiterias ou supermercados para ver cantos alimentos producidos a menos de 100 Km de distancia atopamos. Aínda por riba o xeito de produción agroalimentar industrial é fortemente dependente do petróleo e do gas natural, e coa escaseza destes haberá que procurar outro xeito de producir (como ilustra ben o sucedido en Cuba no seu Periodo Especial). En resume, producir alimentos dunha maneira orgánica e producir máis preto de onde se consume, e producilos un/ha mesmo/a na medida do posible.
Practicamente todas as medidas (hai unanimidade nos autores) pasan por unha relocalización das produción de alimentos.
Nivel nacional e/ou local (políticas públicas)
- Promoción da soberanía e autosuficiencia alimentares.
- Apoio a redes locais de distribución de alimentos.
- Apoio á produción ecolóxica local.
- Aproveitamento de fincas urbanas non utilizadas para a creación de hortas urbanas comunitarias.
- Substitución de especies botánicas non produtivas en xardíns e parques por outras que produzan alimentos.
- Formación e sensibilización para a autoprodución e conservación de alimentos.
- Promoción da compostaxe caseira.
- Prohibición dos transxénicos para conservación da biodiversidade e a independencia de empresas e insumos de fóra.
- Ampliar bancos de terra a zonas urbanas e perirurbanas para poñer en contacto a propietarios de fincas potencialmente produtivas e a urbanitas interesados na produción hortícola.
- Promoción das cooperativas de consumo.
(Pendentes de ampliar)
Nivel persoal
- Optarmos por alimentos locais e ecolóxicos. Adopción p.ex. da dieta dos 100 Km.
- Reducir o consumo de carne, pois para a súa produción emprégase moita máis enerxía que para producir vexetais.
- Aprendermos técnicas de conservación de alimentos.
- Producirmos a maior cantidade posible dos nosos propios alimentos.
- Aprendermos técnicas de permacultura e horticultura ecolóxica e urbana.
- Se criamos animais substituírmos pensos por outro tipo de alimentación local e non dependente do petróleo para a súa produción nin para o seu transporte.
- Unirnos a cooperativas de consumo local, ecolóxico e xusto.
(Pendentes de ampliar)
Referencias
- Post Carbon Institute. The Food and Farming Transition.
(Pendentes de ampliar)



