Pero qué granxas están a piques de pechar?
(Artigo do noso compañeiro Xabier Vázquez Pumariño.)
Periodicamente escoitamos que hai granxas galegas que están a piques de pechar. Neste intre, este ruxe-ruxe é máis intenso e ameaza con ser definitivamente certo como no conto infantil de Pedro e o lobo.
Dende o meu punto de vista, esta situación é paradigmática dos efectos do teito do petróleo e as súas complementarias e perversas políticas globais asociadas. Vexamos porqué.
Ata non hai moitos anos, a agricultura e a gandería en Galicia, como en moitos outros puntos da península ibérica era practicamente de subsistencia. A partir dos anos 70, os estamentos gobernamentais presionaron por activa e pasiva para que os labregos se centraran na agroindustria. Moitos desapareceron polo camiño, algúns foron trampeando con explotacións pequenas, non exentas de problemas, e outros maximizaron o seu salto á agroindustria, esquecendo que en moitos países de Europa a vantaxe tomada neste eido era de varias décadas.
Precisamente foi o sector leiteiro o máis entusiasta. Aquí comezouse a tecer a maraña de problemas que a día de hoxe rematarán co sector. Basicamente a idea era rematar coas pequenas explotacións, non rendibles dicían, e incrementar o tamaño. Ben, isto fíxose a costa de incrementar o número de vacas enormemente sen incrementar proporcionalmente a superficie de pastos. E se non tes pastos tes que comprar o alimento, é dicir o pienso. Logo a propia lóxica da agroindustria obrígache a tecnificar a túa explotación cousa que é extraordinariamente cara. O panorama así devén en salas de muxir que parecen a nave Enterprise, tractores de 500 cv, naves e naves de maquinaria, toneladas de xurros a espallar por superficies ridículas, etc. e por suposto explotacións cun brutal nivel de endebedamento. Traballo brutal, débedas, enorme impacto ambiental para un beneficios empresariais (ao fin e o cabo é do que se trata, non?) practicamente, e aquí está parte da ironía de todo isto, de subsistencia.
En canto o prezo do petróleo subiu un chisco este castelo de naipes desmoronouse: sube o transporte, sube o custo de mover as máquinas, sube o prezo dos pensos, pérdense cartos e fin da historia.
Poderíamos dicir que todo isto tamén ocorre noutras explotacións europeas. E así é, pero o seu nivel de endebedamento é menor, os ratios gando/superficie son máis equilibrados, etc. Iso por non falar das explotacións danesas onde producen ademais o seu propio combustible (aceites vexetais) para a maquinaria (lembremos o que é un motor diésel) e mesmo a súa propia electricidade a través do uso non intensivo da enerxía eólica. En definitiva, o seu marxe de resistencia ante a situación actual é moitísimo maior.
A esta política nefasta, ademais, contribuímos todos a través dos nosos impostos e producindo, ademais, graves impactos ambientais: as concentracións parcelarias pagámolas todos, os regadíos tamén. Neste senso cabe lembrar que non hai nin 4 anos se puxo a regadío a Veiga de Pumar na Terra Cha pagada polo Ministerio de Agricultura sen estudio de impacto ambiental ningún e que fará practicamente desaparecer en Galicia varias especies de aves recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (o siseiro e o pernileiro entre outras). Ao mesmo tempo estaban a redactarse os plans de recuperación destas especies pagados pola Xunta.
En definitiva destruímos o noso medio agrícola, endebedamos aos seus habitantes, poñemos en risco a nosa soberanía alimentar, danamos gravemente o medio ambiente, etc. Para nada.
Para estes gandeiros dependentes da industria do leite non lles vexo moita solución. Pero si que nos debe servir para pensar o que estamos facendo co noso campo e tratar de evitar a dependencia de imputs externos particularmente dependentes do petróleo.






Sí, eu estou plenamente dacordo coa reflexión de Xabier tamén, ademais no caso de Galicia o abraiante foi a rapidez coa que se transformaron os xeitos de producir. Aló polos anos 80 e 90 empeñáronse en que eramos uns atrasadiños e que tiñamos que modernizar as explotacións a toda ostia, foron os a nos tolos de todolos xeitos, en calquera negocio a cousa era ir a máis, endebedarse e medrar sin parar, pero o caso da agricultura è paradigmático, ao tempo que as explotacións invertian en maquinaria, xenética etc. aplicábanse as cotas lácteas!. Decíase que tiñamos que ser competitivos, esquecéndose de que xa o eramos ou senón porque nos proibiron producir? En 20 anos pecháronse miles de explotacións pequenas que conformaban todo un tecido productivo, destruíronse miles de empregos, pasando do 40% de poboación empregada no sector primario ao 7% de hoxe en día e así estamos. Cada vez maior dependencia de insumos externos, máis endebedamento e máis horas de traballo, máis esclavitude. Agora xa non se para nin os domingos, ensílase de noite, un despropósito como decides.
Eu coido que sería importante divulgar entre este sector a nosa mensaxe, ainda que a un agricultor que está endebedado até as orellas non lle represente moita saida, o problema para todos son as dèbedas, ese é o noso cancro, sin débedas tes liberdade para reconducir, tes marxe, pero se lle debes ao banco penso que a solución tería que ser colectiva, plantarlle cara moitos xuntos.
Begoña de Bernardo said this on Outubro 9th, 2012 at 3:59 p.m.
Moi boa a frase: «Decíase que tiñamos que ser competitivos, esquecéndose de que xa o eramos ou senón porque nos proibiron producir?» do anterior comentario.
dani_elo said this on Outubro 9th, 2012 at 4:31 p.m.
«O prezo do leite no Reino Unido está ligado nun 60% ao prezo do petróleo [Fonte: Simon Snowden, citado por Aleklett].»
Saqueino do voso propio blogue: http://vesperadenada.org/3-datos-de-interese-sobre-o-petroleo/
Camba said this on Outubro 14th, 2012 at 7:36 p.m.