O prezo do petróleo volve marcar (en euros) o récord histórico de 2008
Ofrecémosvos traducido un artigo publicado o pasado martes no blog Oil Man de Le Monde, no que se nos fai ver como a depreciación do euro fronte ao dólar desde 2008 fixo que —contados na moeda europea— esteamos de novo nos maiores prezos da historia. A tradución de urxencia é de Xoán Doldán:
En euros, o prezo do petróleo cru iguala os rexistros de 2008
Calculado en euros, o prezo do cru situouse no récord de 2008. O prezo do barril de Brent do Mar do Norte superou os 88 euros a semana pasada, un nivel alcanzado apenas unha vez hai tres anos e medio, no auxe da crise do petróleo.
Brent, en euros, volta para as alturas de 2008 [Petromatrix] [ftalphaville.ft.com]A caída do euro fronte ao dólar e a continuidade, a pesar da crise económica global, dos prezos elevados do petróleo «combinaranse nun bico da morte para a demanda europea de petróleo, mais tamén para o consumo europeo en xeral (…) xusto cando as medidas de austeridade entrarán en vigor», profetiza o gabinete de análise suíza Petromatrix, citado polo site do Financial Times.
A cotización do Brent está estancada alén dos 110 dólares, mais aínda lonxe dos 140 dólares superados a mediados de 2008. «A zona do euro atópase completamente disociada do resto do mundo en termos de custos de enerxía», di Izabella Kaminska, do Financial Times.
En 2011, a factura petroleira da Unión Europea ascendeu a 402.000 millóns de dólares, contra 280.000 millóns en 2010. Un salto que debe moito á fraqueza do euro fronte ao dólar. 402.000 millóns de dólares (315.000 millóns de euros) é case o importe da débeda pública grega.
O director xeral de Total, Christophe de Margerie, advertiu o ano pasado que é «inevitábel» que o prezo dun litro de super chegue a 2 euros. «A verdadeira cuestión é: cando? Esperemos que isto non aconteza moi rapidamente, en caso contrario as consecuencias serán dramáticas», dixo ao Parisien. No momento da entrevista, en abril de 2011, o prezo do Super 95 foi de 1,53 euros por litro. Fica preto agora do 1,60 euros de media [en Francia].
Segundo o economista-xefe da Axencia Internacional da Enerxía (AIE), Fatih Birol, os altos prezos da enerxía «se persistiren nos próximos meses, poderían facilmente estrangular calquera recuperación económica.»
A Unión Europea vai superar aos Estados Unidos no primeiro posto dos importadores de cru en 2015, e será á súa vez superado por China en 2020, prevé a AIE. Isto «colocará á UE e China na primeira liña diante da seguranza enerxética», subliña Fatih Birol.
Mentres tanto, o refinador suízo Petroplus, nun estado de case colapso, está lonxe de ser hoxe o único ameazado pola redución das marxes, observa Olivier Jacob da Petromatrix.
Neste contexto, a intención dos países europeos para impor un embargo de petróleo iraniano é temeraria (se non «xesticulatoria«). Se houber novas sancións occidentais contra o seu programa nuclear, Teherán ameaza bloquear o Estreito de Ormuz, a través do cal transita unha quinta parte da produción mundial de cru. Sen considerar este extremo, a tensión dos custes do petróleo é suficiente para levar a unha rúa sen saída a estragia da Unión Europea contra Irán.
As sancións adoptadas polos Estados Unidos contra o banco central iraniano prometen ser eficaces: afectan á capacidade de Irán para recibir o pagamento das exportacións de petróleo en dólares.
Estas sancións son capaces de levar a un punto aínda máis incerto a partida de «a que non te atreves» que van xogar Irán e os Estados Unidos, metidos (como Francia), nun ano electoral. O empate por afogamento non está claro. Cabe agardar sorpresas desagradábeis tamén aquí.






Relacionada con esta, e no contexto español, liamos hoxe que o gasóleo bate máximos históricos. Aínda haberá quen considere que no futuro vai quentar a súa casa con gasoil? Ou que pense que vía trasporte non se vai trasladar a suba do petróleo a todas as demais mercadorías?
casdeiro said this on Xaneiro 13th, 2012 at 7:41 p.m.
Cantas veces leva dito isto Birol e os nosos políticos fan como que non oen? Abonda botarmos unha ollada a este mesmo blog: http://vesperadenada.org/?s=aie
casdeiro said this on Xaneiro 13th, 2012 at 7:44 p.m.
A min o que me parece de alucinar é isto: «En 2011, a factura petroleira da Unión Europea ascendeu a 402.000 millóns de dólares, contra 280.000 millóns en 2010.»
Seica para isto non fan cumios de emerxencia os nosos amados líderes? Paréceme a min que moito mirar para os papeliños e pouco para a enerxía que ao final é o que move Europa e o resto do mundo.
Camba said this on Xaneiro 14th, 2012 at 10:53 a.m.