Os partidos galegos fronte ao teito do petróleo (IV: FPG e Nós-UP)
En Galiza só os partidos minoritarios teñen propostas fronte ao teito do petróleo
Os programas electorais de PP, PSOE e BNG dependen de que haxa petróleo barato durante décadas
No que toca ás forzas sen presenza no parlamento saínte, a FPG presenta un programa onde se defende unha dupla soberanía alimentar e enerxética. Neste último punto defenden desde unha óptica nacional e popular un triplo reenfoque da produción enerxética: aforro, substitución das non renovables, e solución da dependencia enerxética; tomando como base a constatación da dependencia e non renovabilidade do sector enerxético galego, tal e como foi denunciada nun recente estudo publicado na Revista Galega de Economía. Avogan por revisar o Plano Enerxético para o 2010 coa máxima prioridade de acadar a soberanía enerxética. É interesante tamén ver que o petróleo aparece no seu programa vencellado ao modelo do territorio: neste aspecto critican as directrices de ordenación actuais por seren reflexo dunha filosofía atrasada e moi perigosa que considera, aínda, o petróleo como principal fonte de enerxía, que favorece o transporte privado, que deseña miles de quilómetros de estradas, mentres retrasa a posta en práctica dun sistema público e eficaz de transporte. Tamén sobrancea a súa crítica dun AVE insustentable enerxeticamente que por riba esfarelará a desleixada rede de cercanías, e a consecuente defensa dun transporte menos dependente do petróleo así como da microxeración de enerxía (eólica, solar, biomasa) fronte aos megaparques e da compostaxe caseira (con obxectivos do 30-40% para 2017).
A outra forza independentista que se presenta ás eleccións, Nós-UP, dentro das súas propostas por un desenvolvemento sostible, aposta por a progressiva supressom das energias sujas, nomeadamente a dependência do petróleo ao tempo que se sitúan en contra do mito do crecemento como fin en si mesmo, aínda que non a critican pola súa inviablidade práctica a medio-longo prazo: Superaçom da lógica do crescimento económico como princípio do desenvolvimento social, em favor da distribuiçom da riqueza e os valores da reduçom e racionalizaçom do consumo e criaçom de resíduos. É dicir, ambas as dúas forzas independentistas parecen situarse nos parámetros da economía ecolóxica cando apostan pola enerxía renovable pero en necesaria combinación coa redución do consumo. Neste aspecto, o cambio drástico de modelo cara ao transporte público tamén está presente no programa de Nós-UP: Por umha revoluçom no modelo nacional de transporte, que priorize os meios colectivos públicos, com destaque para o comboio, e reduza drasticamente o uso do veículo particular mediante a oferta de umha rede ampla, barata de carácter local, comarcal e nacional.
(Continuación: EU e conclusión)




[...] fose seguir nos vindeiros anos nun contexto extrapolable. Decepcionoume non escoitar ao líder da FPG, unha das poucas forzas que falan no seu programa político de cuestións de soberanía enerxét…, de que vantaxes tería unha Galiza soberana, dona dos seus recursos enerxéticos e do seu capital [...]
De Casdeiro » Beiras, Ferrín e unha autodeterminación desactualizada said this on abril 30th, 2009 at 11:56 am